Friday 10 de May de 2024

Feijóo afirma que o Parlamento ten unhas constantes vitais “saudables” e recorda que recolle o apego dos galegos pola palabra e o acordo


Lamenta que moitas veces os acordos que se acadan consigan menos eco que as controversias; “seguramente –di- debido a que algúns entenden que acordar é un demérito, algo que é mellor ocultar”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Parlamento ten unhas constantes vitais “saudables” e recordou que recolle o apego dos galegos pola palabra e o acordo. “O Parlamento –lembrou- é o que somos”.

Durante a presentación do presidente da Cámara galega, no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum-Tribuna Galicia, Feijóo lamentou, non obstante, que moitas veces os acordos que se acadan consigan menos eco que as controversias; “seguramente –dixo- debido a que algúns entenden que acordar é un demérito, algo que é mellor ocultar”. “Velaí, un problema do parlamentarismo moderno”, reflexionou.

Do seu presidente, Miguel Ángel Santalices, o titular da Xunta destacou o seu talante e a súa experiencia. E asegurou que se o Parlamento equivalese a unha sala de concertos, “diríamos que é nel onde intentan concertarse as vontades que existen nun pobo, baixo a batuta do seu presidente”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo situou a Santalices nesa saga de profesionais galegos da medicina que sentiron a chamada da política e levaron a ela a bagaxe de vivencias experimentadas coa bata branca. “Por sorte para o noso autogoberno, eses valores médicos e terapéuticos chegaron tamén á primeira Presidencia da Xunta da man de Xerardo Fernández Albor e estiveron presentes na Delegación do Goberno, con Domingo García-Sabell”, lembrou.